Monday 06 de May de 2024

Neda activa a súa Mesa de coordinación interinstitucional para avanzar na prevención da violencia de xénero


O delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas e o alcalde, Ángel Alvariño, presidiron hoxe na Casa da Cultura a constitución da Mesa de coordinación interinstitucional contra a Violencia de Xénero de Neda. O órgano ten como obxectivo incrementar o grao de cooperación existente entre as administracións e os distintos axentes que poden intervir na atención ás vítimas, co fin de previr e dar unha resposta máis eficaz fronte á violencia machista.

A posta en marcha desta mesa de coordinación reflicte, tal e como sinalou o rexedor municipal, o compromiso do Concello de loitar contra esta lacra social, protexer ás mulleres vítimas e máis os seus fillos e fillas, e optimizar o acceso aos recursos e prestacións dos servizos de atención.
Durante o encontro fixáronse os obxectivos do órgano, e máis as normas de funcionamento. As funcións prioritarias serán coordinar actuacións nos posibles casos de violencia que se detecten, garantir unha resposta rápida e eficaz ante situacións de risco, e pór en común as actuacións en materia de prevención.
Na mesa de coordinación de Neda están representados todos os ámbitos implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero e a protección das vítimas, como o educativo, o social e as Forzas e Corpos de Seguridade. Así, participan representantes da Garda Civil, da Policía Local, dos servizos sociais municipais, centro de saúde e centros escolares.

Os representantes das tres administración presentes no encontro insistiron este mediodía na necesidade de traballar conxuntamente neste tema e na importancia de que os Concello se impliquen de forma máis activa. Nesta liña, María Rivas, agradeceu a sensibilidade mostrada polo Concello coa súa incorporación, da man dos axentes da policía local, ao Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero. Apuntou que existen 2.194 casos activos de violencia de xénero no sistema VioGén e lembrou que só 24 municipios coruñeses están adheridos.

Pola súa banda, Aneiros incidiu en que o reto fundamental das administracións é acadar o obxectivo de cero “vítimas”, e puxo en valor a nova Lei de Igualdade, que vén de aprobar o Parlamento, para avanzar na “equidade en todos os espazos e esferas da vida”.
A Mesa reunirase de xeito ordinario con periodicidade semestral e, de xeito extraordinario ou con carácter de urxencia, sempre que a situación o requira.